A cor da pel
Estes días nos que a prensa se enche de noticias sobre o racismo nos campos de fútbol, decidimos adentrarnos máis nesta visión social sobre a cor da nosa pel. Cal é a cor correcta? A cor determina unha personalidade? Tratamos diferente ás persoas segundo a cor da súa pel?
Os nenos e nenas de educación infantil, reflexionaron sobre como é a cor da súa pel, como a definen e como a representan. Pili, a súa mestra, propúxonos trasladar a actividade ao último curso de primaria. Sabes cal foi a súa sorpresa? que seguimos sen cambiar a perspectiva social da "cor carne".
Amosasmos aquí a nosa actividade de reflexión, que abrangue a área de plástica e de matemáticas. Pero fundamentalmente, promovemos unha educación en valores. Reflexionas connosco?
O alumnado deu resposta ás seguintes preguntas:
- COMO DESCRIBIRÍAS A COR DA TÚA PEL?
"A miña pel é de cor carne e ten uns poucos pelos, é media escura e media branca con lunares e cicatrices"
"A cor da miña pel é un pouco pálida, de cor carne e suave"
"A cor é carne e moi clara"
"É de cor carne e broncéase moito no verán"
"É unha cor medio escura que me recorda ao amarelo; gústame bastante como me queda, xa que nin son pálido nin moreno"
"É de cor laranxa claro con un pouco de amarelo"
"É carnosa e un pouco escura con rosado, vermello e laranxa"
"A miña pel é cor carne no inverno e no verán póñome máis moreno"
"É dunha cor carne clara"
"Son bastante moreno en todo o corpo e gústame así, polo menos a xente di que son atractivo"
"A miña pel é de cor carne"
"Teño a pel nin moi branca nin moi escura, con moitos lunares"
"Eu describiría a miña cor de pel como marrón claro"
"A cor da miña pel é de cor carne e un pouco morena nos brazos"
"Podería dicirse que o normal entre a xente branca, tirando a unha cor morena"
"Pel de cor carne claro e no verán póñome máis morena"
"A miña pel é de cor carne tirando cara morena"
- PENSAS QUE É UNHA COR DE PEL NORMAL?
"Eu creo que si, véxoo normalmente e é bastante normal"
"Non, porque é moi pálida"
"Si, porque cada un ten unha cor de pel única, bonita e normal"
"Si, porque é moi normal"
"Si, porque vexo diariamente esta cor de pel noutras persoas"
"Non, porque é unha mezcla de cores raras"
"Si, porque moita xente ten a mesma cor de pel ca min"
"Si porque a maioría da xente que coñezo ten esa cor de pel"
"Eu penso que non hai cores de pel normal"
"Si, pero non é moi común"
"Todas as persoas teñen unha pel normal, pero unhas teñen distinta cor que outras"
"Depende de como se interprete normal"
"Si, eu creo que teño unha cor de pel normal"
"Eu penso que si"
"Eu penso que todas as cores de pel son normais"
"Normal si, porque non ten nada raro; pero todas as peles son iguais de normais"
"Eu creo que é unha cor de pel normal, xa que non hai cor de pel normal ou non normal"
- COMO LLE CHAMARÍAS A ESA COR?
"Cor de pel bronceada clara"
"Eu inventei un nome: zolefo"
"Cor pálida"
"Cor pel claro"
"Pel de manchitas"
"Moreclaro"
"Canela"
"Cor amarronado"
"Cor de pel carne escuro"
"Carne claro"
"Moreno"
"Cor carne"
"Café con leite"
"Morena"
"Carne"
"A cor indefinida"
"Carne de cor morena"
"Moreno claro"
Malia que definimos a cor da pel como "cor carne" e moitas veces falamos de brancos e negros, a cor da nosa pel non é tan sinxela: ten moitos matices, mesturas de cores, pigmentos diferentes... non hai unha cor de pel igual.
Isto pensou a fotógrafa Angélica Dass cando retratou a centos de persoas.
Convidámosvos a visualizar o seguinte vídeo:
De que cor é a túa pel?
Comentarios
Publicar un comentario