Bibliotecas para todos os públicos!

O 24 de outubro celébrase o DÍA DA BIBLIOTECA, conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil.
Entre os diferentes lemas que xuden en torno a esta celebración, destacamos dous que promoven a igualdade de xénero:
“Bibliotecas aptas para todos os públicos”, do Ministerio de Cultura e Deporte.
“Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía”, das Bibliotecas Escolares de Galicia.

Cartel deseñado por Miguel Calatayud

Nós, estivemos lendo o pregón deste ano, que correu a cargo de Gemma Pasqual. Un fermoso texto que nos fixo reflexionar sobre o papel da muller nos libros de lectura:

"Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrastra, dun pai ou dunha fada boa.
E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.
Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Längstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.
Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges; un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro máis afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.
Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros".

E realizamos unha ilustración sobre a esencia do conto. As tres máis votadas polo alumnado foron as seguintes:


Iago López

Natalia Pereira

Arianna Martínez

Comentarios

Publicacións populares deste blog

8M