Conclusións da investigación da candea
Pois xa demos por rematada a investigación da candea!
Realizamos sete probas de cada un dos modelos.
Estas son as observacións que concluímos:
- A primeira proba deu un resultado de duración semellante en ambos habitáculos: 25,98 segundos no deseño A e 25,91 segundos no deseño B.
- A medida que iamos facendo as seguintes probas, foron dándonos resultados diferentes: a duración da candea acesa no deseño B era maior que a duración no deseño A.
Por que podería ocorrer isto?
a) Pensamos que como o deseño A é máis estreito que o deseño B xérase máis rápido a condensación (hai humidade exterior e a candea xera calor no interior).
b) No deseño A, notamos máis calor ao tocar o habitáculo: é máis longo e as paredes están máis próximas unhas das outras.
c) No deseño B as paredes están máis separadas entre elas e tamén da propia candea.
Como bos científicos e científicas, tamén pensamos nos posibles erros da nosa investigación:
1. O selado dos habitáculos: pode que por algún lado entre aire, pese a que o comprobamos enchéndoos de auga na etapa anterior.
2. A cera da candea vaise gastando segundo facemos as probas.
3. Os habitáculos manteñen algo de calor entre unha proba e outra (debido ao seu material).
Que precisamos para realizar correctamente o experimento:
- Uns habitáculos perfectos: ben diseñados e ben selados.
- Habitáculos deseñados cun material que non se quente.
- Empregar unha candea nova para cada unha das probas.
CONCLUÍMOS:
- Se nos baseamos unicamente na primeira proba (na cal o habitáculo estaba totalmente frío, sen condensación interior e a candea era nova): A forma dun espazo non afecta no consumo de osíxeno.
- Se nos baseamos na media das seis probas restantes: decatámonos de que canto máis estreito e alongado é o espazo, máis rapidamente se consume o osíxeno.
Comentarios
Publicar un comentario